![]() |
|
..O pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados como era o seu pai; pero denantes de saír da casa botoulle unha ollada ó retrato.
..Os americanos xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirao do porto. O corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas en procura do pai ensoñado. ..De súpeto avistouno de lonxe. Era o mesmo do retrato, ou aínda mellor portado, e Migueliño sentiu por el un grande amor, e canto máis se achegaba o americano, máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de bicos. Ai, o americano pasou de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo. ..Agora si, agora si que o era. Migueliño avistou outro home moi ben traxeado e o corazón dáballe que aquel era o seu pai. O rapaz devecía por bicalo a fartar. ..¡Tiña un porte de tanto señorío! Ai, o americano pasou de largo e nin tan sequera reparou en que o seguían os ollos angurentos dun neno. | ![]() |
|
..Migueliño escolleu así moitos pais que non o eran e a todos quixo tolamente.
..E cando esculcaba con máis anguria fíxose cargo de que un home estaba abrazando a súa nai. Era un home que non se parecía ó retrato; un home moi fraco, metido nun traxe moi frouxo; un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo... ..Aquel si que era o pai de Migueliño. | |
![]() |
|
..Por amainala conciencia guindei co meu título de médico no fondo dunha gabeta, e busquei outra maneira de me valer. As xentes xa non sabían que eu era dono de tan tremenda licencia oficial; mais unha noite foron requiridos os meus servicios.
..Era domingo. Melchor, o taberneiro, agardaba por min ó pé da porta. Deume as boas noites e rompeu a chorar, e por entre os saloucos saíanlle as verbas tan estruchadas que soamente logrou dicirme que tiña un fillo a morrer. ..O pobre pai turraba por min, e eu deixábame levar, enfeitizado pola súa dor. ¡Despois de todo eu era médico titulado e non podía negarme! E tiven tan fortes anceios de compracelo que sentín xurdir nos meus adentros unha grande ciencia... ..Cando chegamos á casa de Melchor logrei arriarme das súas mans, e con finxido acoitamento confeseille que sabía pouco da carreira... ..-Repara que hai moitos anos que non visito enfermos. E entón Melchor, facendo un esforzo, díxome quedamente: ..-O meu fillo xa non precisa de médicos. Eu xa sei que o coitado non pasa da noite. E váiseme, señor; ¡váiseme e non teño ningún retrato seu! ..Ai, eu non fora chamado como médico; eu fora chamado como retratista, e no intre sentín ganas acedas de botarme a rir. ..E por verme ceibe de xeira tan macabra díxenlle que unha fotografía era mellor ca un deseño, asegureille que de noite poden facerse fotografías, e botando man de moitos razonamentos logrei que Melchor largase de min á cata dun fotógrafo. A cousa quedaba arrombada, e funme durmir, con mil ideas ensarilladas na chola. ..Cando estaba prendendo no sono petaron na miña porta. Era Melchor. ..-¡Os fotógrafos din que non teñen magnesio! ..E díxomo tremendo de anguria. A face albeira, e os ollos coma dous tetos de carne vermella de tanto chorar. ..Endexamais fitei a un home tan desfeito pola dor. ..Pregaba, pregaba, e collíame as mans, e turraba por min, e o malpocado dicía cousas que me rachaban as entrañas: ..-Considérese, señor. Dous riscos de vostede nun papel e xa poderei ollar sempre a cariña do meu neno. ¡Non me deixe na escuridade, señor! ..¡Quen teria corazón para negarse! Collín papel e lápiz, e alá me fun con Melchor, disposto a facer un retrato do rapaz moribundo. ..Todo estaba quedo e todo estaba calado. Unha luz cansa alumeaba, en amarelo, dúas facianas arrepiantes que ventaban a morte. O neno era o centro daquela pobreza da materia. ..Sen dicir nada senteime a debuxalo que ollaban os meus ollos de terra, e soamente ó cabo dalgún tempo conseguín afacerme ó drama que fitaba e aínda esquecelo un pouco, para poder traballar afervoado, coma un artista. E cando o deseño estaba xa no seu punto a voz de Melchor, agrandada por tanto silencio, feriume con estas verbas: ..-Pola alma dos seus defuntos, non mo retrate así. ¡Non lle poña esa cara tan encoveirada e tan triste! ..Confeso que ó volver á realidade non souben que facer, e púxenme a repasalas liñas xa feitas do retrato. O silencio foi esgazado novamente por Melchor: ..-Vostede ben sabe como era o meu rapaciño. Faga memoria, señor, e debúxemo rindo. ..De súpeto naceume unha grande idea. Rachei o traballo, ensumín o meu ollar nun novo papel branco e debuxei un neno imaxinario. Inventei un neno moi bonito, moi bonito: un anxo de retábulo barroco, a sorrir. ..Entreguei o debuxo e saín fuxindo, e no intre de poñe-lo pé na rúa sentin que choraban dentro da casa. A morte viñera. ..Agora Melchor consólase ollando a miña obra, que está pendurada enriba da cómoda, e sempre di coa mellor fe do mundo: ..-Tiven moitos fillos, pero o máis bonito de todos foi o que me morreu. Velaí está o retrato que non mente. |
![]() |
O Q do Mundo | Páxina de Entrada |
| |