| Cantigas de amigo e outros textos da literatura galega medieval | ||
| Poesía barroca: Un soneto de Vázquez de Neira (1612) | ||
| Obra poética completa de Rosalía de Castro (1837-1885) | ||
| Poemas de Eduardo Pondal (1835-1917) | ||
| Poemas de M. Curros Enríquez (1851-1908) | ||
| Poemas de Ramón Cabanillas (1876-1959) | ||
| Obra poética completas de Luís Amado Carballo (1901-1928) | ||
| Poemas de Manuel Antonio (1900-1929) | ||
| Poemas de Celso Emilio Ferreiro (1914-1979) | ||
| Poemas de Pura Vázquez (1918) | ||
| Poemas de Antón Avilés de Taramancos (1935-1994) | ||
| Poemas de Xosé Luís Méndez Ferrín (1938) | ||
| Poemas de Xavier Rodríguez Baixeras | ||
| Poemas de Ramiro Fonte | ||
| Poemas de Gonzalo Navaza | ||
| Poemas de Manuel Forcadela | ||
| Poemas de Antón Dobao | ||
| Poemas de Manuel Outeiriño | ||
| Poemas de Olga Novo | ||
| (En construcción). Textos de Añón, Aquilino, Cáccamo, Chus Pato, Cunqueiro, Díaz Castro, M. A. Fernán Vello, Noriega Varela, M. Outeiriño, Pilar Pallarés, Xulio Valcárcel, Anxo Quintela, Luz Méndez e outros...) | ||
Textos medievais
Aquí temos uns exemplos das Cantigas de Santa María
Na selección de textos
que ofrece o ILGA atoparás algúns textos de cantigas
profanas (de amigo, de amor, de escarnio) e relixiosas, ademais
de diferentes textos de prosa galega medieval.
No Ximnasio de Academo
atopara-la colección COMPLETA
das cantigas de amigo dos cancioneiros galego-portugueses.
barroco
Vázquez de Neira
Poesía barroca. Século
XVII
das Exequias
da raíña Margarida
(1612)
Morte cruel, esa traidora maña
de roubar de socato a humana vida,
¿con que ollos a puideches ver cumprida
na santa raíña que hoxe perde España?
Se aquel rancor que te carcome e laña
che tiña a man, para matar, erguida,
¿non deras noutra parte esa ferida
onde non fose a lástima tamaña?
¿Non se torcera aquel fatal costume
e a lei que iguala do morrer na sorte
ós altos reis cos baixos labradores?
Terrible, en fin, é teu poder,
oh morte,
pois diante de ti reis e señores
son néboa, sombra, pó, son vento e fume.
(Vázquez de Neira, 1612)
Eduardo Pondal (1835-1917)
No XIMNASIO DE ACADEMO atoparás Queixumes dos pinos e outros poemas.
Manuel Curros Enríquez (1851-1908)
(De momento unha selección. Axiña terémo-la
obra poética completa)
«Introducción» (de Aires da miña terra)
Escribir nada máis pra unha
provincia,
ou, como os pobos árcades fixeron,
escribir sobre a casca dos cortizos,
case que todo vén a ser o mesmo.
A nosa voz, na soledá perdida,
morrerá sen deixar sequera ese eco
que a brisa melancólica do outono
deixa na copa azul dos ameneiros.
Non pode ser tampouco doutra sorte:
pasaron xa, pra non volver, os tempos
en que a linguaxe era unha cifra máxica
fácile sólo ó sacerdote hebreo.
As xentes tristes que no verbo humano
procuran os ideales que entreveron,
cando ó vate interrogan, novo oráculo,
queren revelaciós, que non misterios.
E escribir nunha lingua coñecida
daqueles só que onda nós naceron,
¿que é se non responder esas preguntas
en revesgados xeroglifos pérsicos?
Todo tende á unidá, lei de entre todas
a máis inexorable do progreso;
e el, que de cen nacións un pobo fixo,
un idioma fará de mil dialectos.
Como paran no mar tódolos ríos,
como os raios do sol paran nun centro,
tódalas linguas han de parar nunha,
que hemos de falar todos, tarde ou cedo.
¿Por que botar ó público este libro
se a división dialéctica condeno?,
diredes, con razón, os que leades,
se as ledes, estas páxinas. Diréivolo:
Cando tódalas linguas o fin topen
que marca a todo o providente dedo,
e cos vellos idiomas extinguidos
sola unha fala universal formemos,
esa fala pulida, idioma único,
máis ca hoxe enriquecido e máis perfecto,
resume das palabras mais sonoras
que aquelas nos deixaran como en herdo,
ese idioma, compendio dos idiomas,
como unha serenata pracenteiro,
como unha noite de luar docísimo,
será, ¿que outro se non?, será o galego.
Fala de miña nai, fala harmoniosa
en que o rogo dos tristes sube ó ceo
i en que descende a plácida esperanza
ós afogados e doridos peitos;
fala dos meus avós, fala en que os parias,
de tréboa e polvo e de suor cubertos,
piden á terra o gran da cor do sangue
que ha de cebar á besta do laudemio...
Lingua enxebre, en que as ánimas dos mortos
nas negras noites de silencio e medo
encomendan ós vivos as obrigas
que, ¡malpocados!, sen cumprir morreron.
Idioma en que garulan os paxaros,
en que falan os ánxeles ós nenos,
en que as fontes saloucan e murmuran
entre as follosas árbores os ventos.
Non, ti non morrerás, céltica musa
nada da Suevia nos chouzales pechos,
último amor do pálido Macías
atravesado o corazón cun ferro;
fecundo nume do único rei sabio
que no solio de España tivo asento,
arpa inmortal da doce Rosalía,
do infortunado Añón himno postreiro;
ti non podes morrer... ¡Iso quixeran
os desleigados que te escarneceron!
¡Mais ti non morrerás, Cristo das linguas,
non, ti non morrerás, ouh Nazareno!
Apóstol teu, anque o máis ruín de todos,
pra onde quer levarei teu Evanxeo,
o fatelo vestindo da ignominia
que pra mofa nas costas che puxeron.
No teu nome, por terras e por mares,
ofrecerei paz e salú ós enfermos,
falareilles da patria ós desterrados,
de liberdade e redención ós servos.
Anunciarei o día do teu triunfo
por cidades e vilas e desertos,
e se por te anunciar me apedrearen,
¡inda ó morrer te mentarán meus beizos!
«Na morte da miña nai»
Doce melancolía, miña
musa,
do meu espírito noiva feiticieira,
¡déixame que hoxe no teu colo durma
sono de pedra!
Nunca, reiciña, nunca como agora
falla fixéronme os teus bicos mornos:
choveu por min chuvia de sangue e traio
frío nos ósos.
Quéntame ti, que tiritando veño,
ti, que do peito curas as feridas,
¡amiga xenerosa dos que sofren,
melancolía!
Tope miña alma, á sombra dos ciprestes
que os tristes ermos das túas illas cobren,
o esquecemento que en ningures acho
prás miñas dores.
Fai que ó rumor dos teus regueiros brando
se adormezan meus tristes pensamentos.
¡Son un orfo! Agarímame ao teu colo...
¡Xa outro non teño!
Xa outro non teño en que pousar a fronte
polas enrugas do pesar sulcada,
xa outro non teño que a amargura enxugue
das miñas bágoas!
Nai, adorada nai, martir escura,
branca pombiña, aruladora e tenra,
ai, se souberas como me deixabas...
ai, non morreras.
Dende que te perdín, a terra, o ceo,
todo é pra min da mesma cor da morte.
O sol non me alumea, nin os campos
pra min tén flores.
Cal sobre os condenados a pauliña
caíu sobre miña alma eterno loito;
todo me amarga, astra o aire que respiro;
dáname todo.
Do corazón fuxiume esa alegría
que é nas flores aroma e vos nos páxaros,
e andan por dentro dos meu peito os corvos
arrevoando.
¡Como recordo aquelas noites claras
en que ó fulgor da prateada lúa
me arrolabas o sono, dos teus cantos
coa doce música!
¡Como recordo aqueles tardes tristes
en que os tronos sentindo, rezabamos
por que Dios leve ós probes mariñeiros
a porto salvo:
Polos necesitados camiñantes,
polos vellos sen pan e sen abrigo,
polos nenos sen pai..., abandonados
coma os teus fillos!
¡Ai! Eu tamén rezar quixera agora
por ti, de tanto amor en xusto pago;
mais dende que te fuches, miña rula,
¡teño un cansacio!
Melancolía, musa dos doentes,
do meus espírito noiva feiticeira
¡déixame que hoxe no teu colo durma
sono de pedra!
cabanillas
Ramón Cabanillas (1876-1959)
Ademais destes textos que figuran aquí,
podes atopa-lo libro Na noite estrelecida
(1926) completo no XIMNASIO DE ACADEMO
Alma nacional e ardente
¡Alma nacional e ardente
canta anque che custe bágoas!
¡Teus cantares son semente!
¡Astra que os ladróns enxorden
entre as cantigas que bican
pon as que feren e morden!
Está cativa a roseira,
mais, despois de tanto inverno...
¡Galicia ha ter primaveira!
¡Xa sei, xa sei que fan falla
moitas fouces, moitos mistos
e moitos feixes de palla!
¡Axiña esperta Galicia
que xa se escupe ós caciques
e fai ruxi-la inxusticia!
¡Xa o novo día alumea!
¡Xa a Sociedá dos labregos
ten choza de seu na aldea!
¡A noite é fría
e escura
pro, ó fin, o amañecer
tráenos co sol a quentura!
¡Patriano, o meu rogo escoita!
¡Eu quero un posto á túa beira
o roxo día da loita!
(de No desterro, 1913)
«A Basilio Álvarez»
¡Sementador! O trigo dos beirales
mostra as espigas mestas e douradas,
e as segadoras fouces. afiadas,
teñen tráxico brillo de puñales.
O teu verbo, estalante nos pinales,
troca, ó chegar ás chouzas das valgadas,
os salaios das gorxas abafadas
en ruxidos guerreiros e triunfales
A aldea érguese co claror da
aurora
agardando o sinal, e non sosega
en anxo de loita vingadora.
¡Xa a luz do sol do mediodía
cega,
sementador! ¡Sementador xa é hora
de da-lo berro e comenza-la sega!
(No desterro, 1913)
Quen no seu corazón...
¿Quen no seu corazón non
leva un arpa
que saiba das cancións
escoitadas do berce entre os arrolos
e na reixa do Amor?
¿Quen non garda a memoria, triste ou leda,
dun alqo que xa foi?
¿Quen, orfo, sen fogar, abandonado
dos homes e de Dios,
non atopa consolo na lembranza
dun tempo que pasou?
¿Quen non lle fixo cova no seu peito
a unha morta ilusión?
Eu non sei, eu non sei que nos espera
este mundo ó deixar,
nin sei o que está diante, o que ha traernos
o escuro máis alá;
mais para ter, cen anos que morrendo
vivira neste chan,
febres no corpo, brétemas na alma
e loitos que chorar,
para ter as feridas sempre abertas .
¡chega de abondo o que ficou detrás!
(No desterro, 1913)
«Camiño longo»
Camiño, camiño longo,
camiño da miña vida,
escuro e triste de noite,
triste e escuro de día...
¡camiño longo
da miña vida !
Vereda, vereda torta
en duras laxes aberta,
arrodeada de toxos,
crebada polas lameiras...
¡vereda torta, ti onde me levas!
Camiño, camiño longo.
A choiva, a neve e as silvas
enchéronme de friaxe,
cubríronme de feridas...
¡camiño longo da miña vida !
Vereda, vereda fonda
de fontes tristes, sen auga;
sen carballos que dean sombra,
nin chouzas que dean pousada...
¡vereda fonda, ti cando acabas
(de Vento Mareiro, 1915)
«Diante dunha cunca de viño espadeiro»
¡O espadeiro! ¡Acios mouros,
cepas tortas,
follas verdes, douradas e vermellas,
gala nas terras vivas de Castrelo
nos Castelos de Oubiña e nas areas
de Tragove e Sisán, do mar de Arousa
e o Umia cristalino nas ribeiras!
¡O espadeiro amante! ¡O viño doce!
¡Alegría de mallas e espadelas,
compañeiro das bolas de pan quente
e as castañas asadas na lareira!
¡O espadeiro! ¡O resolio que louvaron
en namorantes páxinas sinxelas
os antigos abades do mosteiro
de Xan Daval, na vila cambadesa,
aqueles priores leigos e fidalgos,
mestres na vida, na virtú e na ciencia,
que sabian --¡ouh tempos esquencidos!--
cantala misa, escorrentalas meigas,
acoller e amparar orfos e pobres,
rir coas rapazas, consellalas vellas,
darlle leito e xantar ós peregrinos,
pechar por foro as portas da súa igrexa
á xusticia do Rei, cobralos dezmos
e dispoñer vendimas e trasegas!
¡O espadeiro morno! ¡O roxo viño,
sangue do corazón da nosa terra,
que arrecende a mazás e a rosas bravas,
quence os peitos e as almas alumea,
e sabe a bicos de mociña nova,
aldeana e triqueira!
¡Como canta ó caír nas brancas cuncas
desde as pintadas e bicudas xerras!
¡Como latexa e brilla ó coroalas!
¡E como loce e ri cando as adreza,
asemellando fíos de rubises,
cun rosario de escumas sanguiñentas!
(...)
¡Espadeiro! ¡Espadeiro! ¡Ledo
viño
das noites mozas! Claridá de estrelas.
O aturuxo zoando nas quebradas...
Mozos... Pandeiros... Un amor que empeza...
Aromas das carqueixas e do trevo...
De man en man, a bota carreteira...
Unha cantiga ó pé dunha ventana...
¡Detrás dos vidros, Ela!
¡Ouh, espadeiro amante! ¡Ouh, roxo e quente
sangue do corazón da nosa terra!
¡Acende os corazóns dos apoucados!
¡prende lume nas almas, viño celta! !
(Da terra asoballada, 1917)
Samos
Fragmento
(0s copistas do mosteiro
transcriben textos clásicos)
No entanto, no scriptorium, do trafego
arredados,
escribas silandeiros nas táboas debruzados,
mergullados no enlevo dun litúrxico rito,
ó claror das estrelas abertas ó infinito,
van fixando nas follas de alisada vitela
con cálamos e puntos e plumas de canela
os davídicos salmos, os épodos de Horacio,
as corónicas foscas do tormentoso Idacio,
os himnos de Prudencio, odas de Anacreonte
de ledicia e dozura inesgotable fonte
Terencio con Tibulo e o cantor de Farsalia,
preceptos florecidos nos ermos de Tesalia,
os libros dos tres santos de inmorredoira sona,
Xerónimo, Isidoro e Agustiño de Hipona,
o amado dos monxes, mantuano Virxilio,
a regra primixenia do inxente San Basilio
que levou ós ascetas das lauras ó mosteiro
e as cartas atronantes do rudo San Valerio.
Ali, o copista humilde de áureos antifonarios,
abrindo para a Historia tumbos e cartularios,
salvando do naufraxio a prezada semente
da cultura do Lacio, da Hélade e de Oriente
e esparxendo no mundo a divina Verdade,
as almas encamiña rumbo da Eternidade;
el sabe que se guía o cálamo amor sagro,
miniar un santo libro é sementar un agro,
Extendendo o plantío dunha arbre sempre verde
de froito que non cae nin se mirra nin perde,
e ve no seu traballo, cando as alturas fita,
que cada imaxe en trazo e cada verba escrita
é unha pasada firme na ruta ó pazo eterno
e un pau ó fogoneiro das caldeiras do inferno.
(de Samos, 1958)
O libro Na noite estrelecida
(1926),
podes atopalo completo no XIMNASIO DE ACADEMO
Manuel Antonio (1900-1929)
No Ximnasio de Academo podes ver enteiro o libro De catro a Catro
Xosé Luís Méndez Ferrín
Ademais dos textos que figuran no Ximnasio de Academo
aquí atoparás dentro duns días unha ampla
selección de poemas de Xosé Luís Méndez
Ferrín (1938),
e aquí mesmo outros dentro de pouco.
baixeras
Xavier Rodríguez Baixeras
Atoparás poemas do seu libro Fentos
no mar (1981) no Ximnasio de Academo
Os que figuran aquí pertencen a
Nadador (Espiral
Maior, 1995)
QUE non me oculte a mesta páxina
de bruma
que paso agora para entrar nos capítulos doentes,
e a hedra das miñas brazadas me permita nadar en seco,
e as silvas do mar aplaquen a súa furia de crepúsculo.
Que poida seguir sendo, con el, soedade
na terra,
auga inmensa con lindes de pálpebras pechadas,
ouvido dun errante corazón atónito que me busque
nas miñas levaduras, no candente ecuador do seu crepúsculo.
A hora avanza, e ninguén quere
verse en voo rasante,
ninguén quere quebrarse como anduriña,
sentir máis dor que a súa, máis desgracia
que a que se colma
nos vellos alxibes da súa alma en crepúsculo.
Ninguén sospeita que na alzada
dun soño ousado
van tamén deseñadas a ruína e a maleza,
que está a mirar, inerte, p'ra a extinción do que
se prolonga
-asno, fareiro-, do que se espella no crepúsculo.
Soño diurno, avenidas, motores
que abrouxan, esa
solemne deflagración dun paxaro mecánico
non pesan tanto como o brillo nos ollos do animal,
os lampos do sacrificio, o seu berro contra o crepúsculo.
E tempo de acabar canto antes, de non
prolongar
esta historia tediosa de especie que non descansa,
estas herbas que se devoran no seu propio pracer,
este vento ansioso que tingue as árbores de crepúsculo.
Que non me oculte, que non me oculte
unha voz tan alta,
tan irrisoria. Calarei
na neve do que dorme, no fulgor
que verte dun vaso loiro, espumante,
nas sucias terrazas adolescentes
que a noite afaga.
***
EMBEBIDO de mar, nin un argueiro
de po leva este corpo solitario;
nada escoita, senón arquexo amargo;
os montes diluíron o seu peso.
Acode a vella historia, mais de súpeto
unha aguación distrae a miña vida
e arrefece o meu sexo; e xa me obriga
a seguir, ollos pechos, este curso.
Como as aves, tamén eu aprendín
a rítmica andadura en cada membro
e, de seguido, rápido abandono.
E, co tempo, se cadra poida ir
cara á terra, voando, e nun alleo
patio me hospede en horas de repouso.
***
ALBISCO a túa cabeza turbulenta,
os ventos encorados na túa nuca,
esa banda azul de finxida inocencia
e o borde do teu cáliz, mansión do polbo;
os oito labios esgazados, as illas,
un fume que se prolonga polos boscos
antano sagros, agora xa sen trino,
e no lombo chamuscado do cordal
a túa xente, rendida e cobizosa.
Por ti coidei que regresaban cabalos
na hora da sesta, que o portón se abría
p'ra recibir aos vixilantes da gándara
e máis a aqueles que viñan dalgún éxodo
e que, nas madrugadas, unha canción
solermiña de regato me anunciaba
doces máquinas, colleitas comunais.
Por ti coidei que o mar enchía
e mudaba
para espello, ou para mel tenebroso
onde un astro, de súpeto, cintilase,
e soñei que polo outono me ofrecías
a mocidade no fungo máis azul,
paixón serodia daquel que só revive
neste sábrego, tripado por bordóns
da patulea que ás veces te persegue
soturna, nalgún lugar que abandonei.
Eras, lonxe, como un corpo conmovido
que me enlazaba. Eras, de pronto, fiel,
e os teus feroces animais, na distancia,
miraban para min con piedade. Eras
triste e feraz, devesa estremecida,
norte álxido, fragor, espeso millo
dos horizontes, na hora meridiana.
A arxila, como unha venda, baleiraba
os ollos desta enervante parsimonia,
do teu letargo. E xa non era turba
para min, senón que, mísera, nutría,
na era fantasmal, cos seus labios diáfanos,
as luces aparecidas dos antergos
e dos fuxidos, e nada te imitaba
tanto como esas lousas que, desprendidas,
desafian a noite de vendaval,
porque senten brotar; por debaixo delas,
novas raíces que outro vento acumula.
Chamabas por min con ruído de
auga,
con rosmido de biduedo pingando
luz branca e cenital, con onda perenne
rodando impetuosa, rompendo en flor
efervescente, fugaz, diseminada,
co clamor dos teus muros e dos teus faros
e con toda a lentura das túas cortes.
E ao te escoitar, eu de contado acudía
tendendo as maos abertas, onde aniñabas.
Pero agora que te perdes lentamente
por tremedoiros familiares, distante,
agora que os tempos nunca chegarán,
que penden morcegos das túas teitumes,
descubre outro lugar de silencio, busca
no mais vizoso deste mar a sazón
que non fecunde os meus soños calcinados.
fonte
Ramiro Fonte (1957)
ANTES QUE TI FOSES VIAXEIRO
Cando veñas ó norte,
non preguntes
Por unha casa vella;
Pola sombra de seu, nas calexas deitada
Como se deita o inverno
Con derrotados meses sobre o mundo e as choivas.
Cando veñas ó norte,
vello amigo,
Non preguntes ás brétemas que furtan
Os segredos das cousas;
Non interrogues fondas baixamares
-E menos nun agosto de altas lúas-,
Nin os bosques de antano,
Onde soñan as faias e as carballeiras nobres.
Hai unha casa branca. Agardareite
Aireando os seus cuartos,
Abrindo as contras, para que a luz reciba
Aquilo que foi meu;
Ordenando papeis dos meus esquezos,
Libros daquela, versos
Por rematar aínda,
Escuros calendarios que escribiron
Anos mozos e nomes de rapazas.
E esta canción que é
túa, e escribín para ti,
Antes que ti foses viaxeiro,
Moito antes quizais
De que tiveses sede, e decidises
Partir, soñar, ama-lo corazón
Destas palabras poucas.
Cando chegues ó norte, non preguntes.
Dirache o teu desexo que eu estaba agardando.
..
..(de
Pasa un segredo, 1988)
..***
A
ROSA
..
..E
se acaso rosa caesE
..
..Aire
só seriA
.
..
...G.
NAVAZA
Esa flor que pousabas
No vértice lizgairo dos teus días
Que. eran tamén os meus -se mo concedes-
E era un perigo audaz, un tanto doce,
Deixala alí, invocala
A través da canción dos solitarios
Ou das grandes derrotas; esa flor
Por ti deitada
Na trémula fronteira que o teu peito
Fai co terrible, co que fica lonxe,
Co que cae no alén dos nosos soños,
Murchou durante cen albas ben frías;
Da súa cinza abrollou a única rosa.
E era aquel tempo triste, certamente.
Chovía moito en torpes calendarios,
Nos días xoves, nos abrigos lentos;
Nas pálidas semanas dun amor,
E nós, os fuxitivos
De tódolos desexos,
Manchabamos as cores dos retratos
Con acenos esquivos, con ollares
Cobizosos da insegura partida,
E era aquel tempo grande porque tiñamos rosas.
Ás veces sorprendémonos
Perseguindo as lembranzas como tal vez procura
Un mariñeiro cego cos seus ollos
O engano dunha luz que vén do mar,
E volvemos alí para caer de novo,
Para deixar partir eses expresos
Que esgazan o mencer porque desexan
Outras cidades puras, algún lugar sen nome;
Para darlle a esa noite que non nolo merece
A moeda de ouro refregada
Pola rara amizade que provocan os versos.
Non debemos deixar que o vento da impiedade
Derroque unha atalaia de inocencia
Ou que nos queime o voo ese anxo negro
Derramado nas almas,
Porque certos estamos
De que para afogar de novo a mocidade
Precisamos mans limpas e auga clara,
E saber que arrasamos un xardín
E algunha primavera, que perdemos
Quizais algunha vida
Para volver á vida e atopármonos,
Pero non as lembranzas nin a rosa.
..
..(de
Adeus Norte, 1991)
..***
XA O CONSEGUICHES
Xa o conseguiches. Ó cabo es
O estranxeiro de tódalas cidades,
E non é porque molles a mirada
Nesta luz melancólica que outono
Esparexe nas rúas con serena abondanza,
Non porque esteas só, porque adiviñes
Esa mala compaña de certas soidades
Que veñen requerirte nos cafés
Mentres cismas, remoes ou esperas por nada.
Hai meses que partiches do teu mar.
Un estraño país que non coincide
Co que era teu, con ese que soñabas
Segue a medrar en ti como se fose
A sombra dunha árbore
Xenerosa pero tamén terrible;
A sombra dun antigo pai desenganado
Que nos propón a nosa perdición.
Vai canda ti, durmido,
O seu inmóbil sangue latexa nas túas veas;
Hai algo de vento gris que procede de alá
E buscas, co inseguro aceno dos errantes,
Unha porción de ceo sen altura
E soñas máis ó norte, máis ó
norte
Coma se o norte fose algunha terra
E non algo que alcanza inutilmente
A túa invocación.
Xa o conseguiches. Achegas
A mascara do tedio contra a face,
Arríncaslle un sorriso de saudade a esta hora,
E tes a fala escura, definitivamente
Afastada de todo. Pero entón remanece
Coma unha fontela solitaria.
..
..(de
Adeus Norte, 1991)
..***
LUCES DO MEDIODÍA
O mediodía escribe
As mellores palabras sobre a noite;
No seu xardín a flor
Amígase coa estrela insobornable.
Nas copas en que, xuntos, afogamos
As augas moribundas doutras lúas,
Xa estaba aquela luz
Serena para sempre, presentida.
Aqueles ollos meus
Que nunca se cansaron de mirarte.
..
..(de
Luz do mediodía, 1995)
ESTRELA MORTA
Sei que non foi amor e, sen embargo, abriches
Amarga flor carnívora de noites os meus labios,
Deixándome beberte na túa sede escura,
Facéndome afogar no teu mar dos enganos.
O prestixio da estrela máis fermosa e maldita
Acendías no ceo ruín das madrugadas,
Nos calendarios grises nos que se abeira o inverno,
E era doce buscarte polas rúas estrañas.
Sei que non foi amor o que ti me ofrecías,
Pero amaba o perigo das estrelas na noite,
Que brillan nun instante e caen case sempre
No baleiro, na nada, nas distancias, nos lonxes.
Eu xoguei o que tiña para poder amarte,
A bandeira romántica; na brétema os meus pasos,
Sabendo que perdía meu corazón por terte,
E alleo vagaría, sen goberno nos anos.
Pisei a clandestina xeada desas horas
Nas que morre o desexo. Pero entón xa levaba
A mancha dos teus bicos impregnando os meus beizos,
E cría que eran certas as palabras douradas.
Franqueárasme a porta do teu longo desvelo,
Desa paixón sen nomes, precipitada, cega,
Abismos do teu corpo sobre min derrubaras,
E unha torre danada nas miñas horas lentas.
Caeron as camelias, no chan, apodrecidas,
Marcharon, invisibles, murchas flores no aire:
Veu un vento de marzo para queimarnos xoves
Coas causas inocentes, cos ollos lostregantes.
Pasou a vida longa, como pasan os ríos.
As princesas do mal extinguíronse todas:
A cidade borrounas do libro da lembranza,
O teu nome está escrito naquelas follas mortas.
Pero canto daría outra vez por mentirme,
Cantos dos meus infernos baixaría a buscarte,
Cantas albas desperto -ameazada lúa-
E que extensión de sombras e de luceiros fráxiles
Pasaría por verte, outra vez, e mirarte.
Coller estrelas mortas na nosa man non doe,
Se aquelas non feriran coa súa luz tantas noites.
..
..(de
Luz do mediodía, 1995)
FRANCISCO AÑÓN
Morrerei en Madrid, lonxe da Terra
Que non vai despertar do longo sono:
Ela pagoume en fame, pena, exilio
O feito de ofrecerlle o mellor soño.
Morrerei de intemperie, dese día
Coma un lobo de inverno, cazador
De tísicos, poetas e mendigos,
Que venta, cego, o rastro da dolor.
Xa me illou na enfastiada multitude,
Escollendo, entre tantas, esta sombra:
Un billete de banco podería
Facer máis levadeira a mala rota.
Aventureime en climas, en Europas,
Perecín nos litixios do meu tempo,
E quixen comprender, pero non sandan
O meu mal os xaropes do progreso.
Seica a terra por sempre permanece,
Mais nós sempre cantamos o que pasa:
O vento entre os piñeiros, esa brétema
Pasaxeira nas altas madrugadas.
E anque Curros me chame capitán
Eu non son de ningunha xeración,
O meu único fiel contemporáneo
Es ti, que vas a piques, corazón.
Precursor en derrotas, soamente
Perderanse os meus versos para sempre.
(de
O cazador de libros, inédito;
poema tomado da antoloxía Ámbito dos Pasos,
Pontedeume, 1996)
Manuel Outeiriño
Poemas de Depósito de Espantos
(Ed. Positivas, 1994)
Ad familiares. (Topadas nos bares)
Cando lles prende a xiada no corazón,
.
pendúranlle-las ás.
..(SAFO)
Non cómpre trabuca-lo gin-tonic e a xiada
por máis que ás veces teñan efectos semellantes,
mais en que son común impedimento
logo as vosas ás baten, anxos equinocciais,
na cova do meu brazo, levo a man
cara á temperatura
que dispensa botarlle cara ó día
en tempos eu cun allo podería
conseguir do termómetro a anuencia
para botar na cama o tempo todo, falo quente
por mor destes remedios, que xa eran
un emprego dos síntomas e quero
traer á miña noite;
no tocante ás auguiñas especiadas
(a redención e os condumios exóticos)
un pouco xelo abonda
pra declararmos toda extremidade
coma un brazo ocupado pola noite;
agora no bugallo, se non debo
mesturar co que é dado os remedios antigos,
estou a remexer procurando o remol
confinador das noites da pequena promesa
de graxo para min. e de quen vou fuxindo
a choutos pequeniños e encolleito,
anda no xorne o resto dunha doenza
tradicional das curas do tinteiro.
A coda que o pariu
Sentía pasa-los días como camións
de gaseosas no reparto:
azarosa harmonía de cristais.
Patria aquí ou acolá
Naceu no tempo dos celestes
herbicidas, aproveitou
que vivía no pais das laranxas,
aproveitou do sol.
-"Díchedesme unha lingua de ferro,
pero eu sainvos lambecús".
Naceu no tempo de automóbiles
de aluguer para o retomo dos veráns
con dígrafos na traseira.
Che! Ch: patada no cu,
matrícula negra: un belisco.
CH. Lembra-la nacionalidade da garda do papa de roma?
Matrícula marela:
daquela un patadón sen contemplacións.
A vixilia nocturna da tropa Itina.
O festival da canción do Miño, varias edicións.
A vixilia da tropa latina:
maxina-los gardas dun campamento
perdido en terra bárbara, o dedo contra a boca,
é noite feita, pero hai orde de non durmir.
Os dígrafos, ai,
na traseira dos coches, a miña patria: CH
Chist! Chist. O cristo de Ourense
e as Burgas:
a auga quente a brochar e a ponte vella: That's the question.
Que veña o maio e todo reverdeza.
(Walking around)
O coñecemento
físico da terra reportou beneficios:
unha vella de Molgas (localidade balnearia)
a dicir: de longa, que chegue, e de grosa,
que acachape (a res extensa).
O coñecemento físico
da terra. Sabencia popular?
Aproximadamente?
Que veña o maio e todo reverdeza. Walking
around.
Procura-los artigos determinados:
o coñecemento, o coñecemento físico,
a tise, a primavera,
os lentes, a cona,
o "nunc stans". A vella a falar:
nunca hai ninguén por aquí,
parece que xa ninguén vén ás augas.
Rilke: que a primavera é como unha meniña
que sabe cántigas.
O agrarismo. A fisiocracia.
O uso cosmético de materiais placentarios
-outro xeito de tirar proveito da cona-
O coñecemento físico. Son outros tempos. Amen.
..***
Non sei por que camiños, cara onde non hai
sombra,
todo é escuro.
Ir cos ollos abertos, ben abertos, sen reparar na noite,
tanto ten. Temos tempo e vagar,
pouco medo ás revoltas e ás demoras.
Escuso pórlle cor a estas palabras:
son o limiar da luz que non me alcanza.
In A Silent Way
Fóronlle doendo as razóns que dá
o tempo,
mais procuraba roelas, ben roídas,
e non daba calado, o que se di
calar, non daba.
Andaba a voces, e adoecido, o pobre,
cos anacos da súa decoración
interiorista: un pórtico de pedra con figuras polícromas.
Morría co frío -viña aí o mal tempo-
o pobre de pedir
do seu espírito.
Hipopótamo (babilonio)
Ser un pousón. Ter mundo (subacuático).
Pousón do subacuático, animal de pel mol.
un animal con paxaros no lombo
(no pouquiño do corpo que levanta das augas).
Estar no río (a cousa heraclitana) a catro
patas.
Te-las orellas a rentes das augas,
tirar por veces as ventas das augas.
Vivir na lama.
-Je suis l'hipopotame, le veuf, I'inconsolé,
le prince ad aquas, Taine a la tour abolie.
Economía interna
Se non hai horizonte, chegan catro paredes.
Sempre é o momento de facer un pozo,
baixar metros e metros,
mesmo pór un motor,
para que sigan adiante os cultivos
de autoconsumo, e pequenas transaccións mercantís.
Páganse dos licores máis escuros os dispendios antigos.
Do ínfimo
Un aquel vexetal que nos intriga
na fixeza, na pedra ouricelada,
marcas de exposición ó vento e á auga.
Un aquel vexetal que nos intriga
nos obxectos intactos,
non nas pedras gastadas e luídas
por mans de crentes e peregrinantes.
A devoción calada e inactiva, cores tenues e cálidas:
imprecisables , insignificantes,
e non a ríspida emoción da incuria
dos corazóns urbanos, só metáforas,
lugares de liturxia, rendas de pranto
e contricion:
o centro edificado do silencio
mais tamén, esquecido, o balbordo das fábricas.
A diferencia da contemplación, quere dicir, a intriga,
eis a constante, a manifestación contradictoria
da fixeza
do vexetal -lique ou outras simbióticas-
que cobre as fundacións máis duradeiras
do natural, do ínfimo.
..***
Arduo labor, o transmiti-lo soño:
pousar, parar, no tempo, o movemento,
dunha arela a outra arela,
do aire da palabra
á cinza dos esforzos
e da tebra onde o azar alumea
á melodía dos anos,
fugados da canseira e da tristura,
fugados dos agoiros,
postos ó pé da letra na agarda do solpor,
en semente de noite que aínda canta,
tépeda de zoares e outras maxias
sonoras
de especies pouco consideradas,
de zoídos impropios,
alleos ó gusto da primeira vista.
Custa prender no lume dos antergos.
In memoriam M.D.
Teño paxaros na cabeza, eléctricos,
como nos rechouchíos da recollida
contra o serán, nas árbores,
xenealoxías xiratorias de inicios
en síncopa -e sordina moitas veces.
Teño a constancia da paisaxe acústica
da metrópole dura e de suor,
dunha élite de élitros aberta,
oh, Lord of flies, fermosamente negra
e mais propicia para unha chea de oxímorons.
Teño a confirmación das sombras todas
que unha máis grande vén cobrir e amesta:
faise no oído tempo
a acentuación inversa e melancólica
das melodías da dor e da esperanza.
Dou conta dunha anacronía sonora,
do volver dunha lenda profusamente escrita
dunha árbore perdida onde os paxaros falan: enigmaticamente:
en inefables frases composibles:
polirritmia
de diferidos soños
a repetlrse en aproximacións
do nome único do home:
Miles Davis de aves, como en certo capricho:
Si amanece nos vamos.
(Do libro Depósito de espantos. Edicións Positivas, 1994)
navaza
Gonzalo Navaza
Calca aquí se queres ver
unhas mostras do libro de poemas palindrómicos A torre da derrotA
Os poemas que incluímos
aquí, non sendo o último, proceden do libro Fábrica
íntima:
Os outros pasos
Na noite metafórica, ó
abeiro da alta lúa
que no perfil do espacio se move de vagar
fende o silencio un eco dunha distante rúa
onde distantes pasos parecen resoar.
Avanzando contigo na verea da idade
semellan ser os ecos do teu propio ruído:
os imposibles pasos da imposibilidade,
os pasos doutros homes que puideches ter sido
e non fuches. De lonxe, o seu son acompaña
o teu devalo lento por diverxente vía,
axexando a soidade cunha presencia estraña
de soños só formada, e de melancolía;
unha presencia escura que manca o corpo
cando
destila esa sospeita que che abala o sorriso:
que ó cabo dos camiños que fuches rexeitando
agardaba a verdade, a luz, o paraíso.
Materia elemental
Absortos no devalo de cristal da inocencia
ven os ollos caer a choiva lentamente
sobre o patio submiso e a codia do planeta.
É sempre a mesma choiva milenaria, a auga
incesante dos séculos a caer sobre a terra,
a trazar na epiderme o seu fado fluvial,
a escoar polos poros, as seivas, os cavorcos,
polas fontes sonoras e os mares navegables,
polos ríos escuros e as veas subterráneas,
polos doídos coroazóns das xentes,
pola gándara vítrea das pupilas.
Tópica da casa
Terras que dende o Carrio escorregan
ó Arnego,
zarras, soutos, devesas, pomares, centeeiras,
pardiñeiros escuros onde funga a curuxa
e o paspallás buliga entre o millo e a veza,
lugares e labores do sangue antepasado,
barro de que estou feito, raíz, carnaz, carozo,
estribeira da idade, faiado dos antontes,
remoto manancial das bágoas dos meus ollos,
abeirado horizonte da cabal cepa mestra,
corda deste falar, sabugo destes xornes,
da atávica bigornia chega a calor ó peito
se na luz do serán soletreo os teus nomes
e asoma a cerna á voz conforme
os vou dicindo,
Palmou, Toiriz, Quintá, Besexos, Campo, Carbia,
Portafixón, Mosteiro, Coto de Barrio, O Vento,
Pena Redonda, O Piago, A Ponte da Campaina,
As Seixas, Santo André, O Camballón,
Fornelos,
Cercio, Brántega, As Cruces, Galegos, A Goleta,
Bermés, Mouroces, Erbo, O Cello, Val do Carrio,
Pena Guntín, Abonxo, Cumeiro, Carmoega.
Riolas de romeiros atravesando os séculos
achegan ata aquí esa ingrávida herdanza.
Coa friaxe do inverno baixan do monte os lobos
a axexaren a xente no bosque das palabras.
(Publicado en Dorna, nº
21, 1995)
dobao
Antón Dobao
(inéditos)
I
Escaravello o tempo e sinto
no lombo o construír das columnas
ocupadoras. O soño do sabio,
a visión do home bo
alucinador da súa tribo.
O rañar de man de ourive
en pedra primitiva,
primixenia,
orixinaria.
Modelounos a luz que fura a tea,
igual pólas cheas de zume mineral.
Coma se entre nosoutros e o mundo
houbese só un muro de soño,
ou un teixo longo, esguío, amigo
doador do longo adeus.
Agora apálpome e soamente noto fume.
II
río e vento é
tempo todo
anda avisado o ceo
coma unha mala mula
que sobe sen mirar
e turra coma quen peitea
no aire un anaco de sombra
unha avelaíña de bágoa
ó se deitar no sol contra o temor da madrugada
VII
Fermosa coma unha lúa
de pan ou a escaleira
á carballeira total da rebeldía.
Calada como esperar e ollar, coma unha fenda
do mar, festa na pedra.
Lixeira, coma o sabor do tempo na auga
dese tempo que a túa maxia reconstrúe.
Amiga, coma unha torre universal ergueita polo acougo, unha cumprida
fonte de adorar amor e armar morada.
Alegre, coma a folla de vivir que temos entalada na epiderme.
Irmá nunha batalla contra quen derrama a neve
e esborralla os edificios dunha cidade amada.
X
Camiñan por tal val
cos pés lañados
con armas, con amor, sen unha mala néboa que os protexa;
vai frío, pero o val é unha ribeira,
un bronce de ouro ardendo cando o lume baixa a velos.
Eu lévote canda min por unha fenda
das regañas dos buracos desta vida azul e amarga;
agárrote ben firme entre estes brazos, non quero que te
esvaias,
que aparezas tal mañá desoutra beira, que non perdas
cada flor da túa mirada entre os meus dedos.
E van ó vao, ó río
ó río que non tira contra o mar, que non é
espello
nin nada que confunda o mediodía; van lixeiros
igual cás andoriñas porque a vida é máis
lixeira cás sazóns,
máis viva cós regueiros que van facendo esteiros
na pedra matricial.
Eu lévote canda min coma unha
amora e voute recollendo
pegadiña ás caldeiras do camiño
e bébote, apálpoche coa lingua a carne enteira e
a memoria
e tódolos recantos e as carreiras
que marcaran os silencios no seu tempo de vendima.
Arramblan con todo ó seu paso
fan caer espadas como o leite cae na cunca da dolor para enchoupala
de acedía,
baten na noite estrelecida e os castros cantan
un renxer de medo, a tarde vai sendo algo inferno
e os arrepíos danse coma a grama.
O monte, a gran montaña obsérvaos
cómo súan
tribos enteiras pingas de raxeiras, un mundo
de auga en lama, mil tiseiras de angustia debuxadas nos meniños,
que non saben, non entenden, non choran porque o sol non deixa
nesa fornalla, pedregal que abura os pés lañados
da miña tribo á busca dun lugar de rebeldía.
Lévote en min, e en min mesmo
moras,
tríscele amado de hora tras hora nesta marcha cara ós
teixos.
A lúa ábaixase, é noite,
a chorárno-lo camiño e xorde á beira un leito
de roto corazón e amor de carne, lume, auga e terra.
Facemos, ti e mais eu, carballo milenario do pesar,
convertemos en onda de sagrada extensión cada contacto
entre as mans,
o corazón e a vida. E o pensamento fai de nó-los
dous soldados
dunha nación morrente en tránsito ó Medulio.
Ó lonxe, algún vento
de futuro nos arrepía o espírito
e canta Pale Blue Eyes.
Olga Novo
novo
Poemas de A teta sobre o sol,
Edicións do Dragón.
1996.
MEDITH MARÁ
mencer ata polas coxas
amosarche o sangue a pulso a borbotóns
que non me chegará ó río porque desemboco
no mar.
ancestral polas areeiras
quente
neno coma se comeras astros
coma se falaras de música de birimbau segundo naces
volve rogarlle a un deus para que veña aroma torrencial
ó descubri-la imaxe inaugural do día
para que o tempo sexa propicio para fincarme o arado.
prometo material semente
para conquistar formas de cabalos
ata anegarche as pálpebras:
revelación das herbas
a tensión natural de ir contigo ó límite
coma un orgasmo a man entre o centeo.
GRANA DESTILADA
será que se resolve en ti
o presaxio de tódolos azucres anteriores.
cada un abriu a súa persoal música densa
internáronse espidos en preciosos detalles
e alí trazaron enormes vendavais
dilatáronme máis
e fun a máis mollada.
a miña vulva veu nun epitafio de grana destilada:
morrer xa non me importa
desde que sei
que bicarte é un golpe seco na caluga.
A TETA SOBRE O SOL
aquilo era a maduración final
de toda a miña lava
e a entoación rotunda dos meus cantos de nena
a absoluta forza coa que tiraba polo carro
recibindo o alento dos beizos da outra vaca.
bailar en maio exactamente igual que se rebentaras uvas
deixarte alimentar beber coma quen vive
o leite derradeiro
saíndo dunha teta disposta sobre o sol.
XALUNDES
as grandes avenidas
a luz
os rañaceos.
como queira que arrole o sol na súa
esvástica
eu levo amor aínda
levo
o Courel
na costura das bragas.
TEAR
falas co movemento co que se fía
o liño
para esconxura-la morte
e a túa roca non é máis aló da miña
vulva
e a túa roca non é máis aló da miña
vulva.